O darwinismo social é unha teoría social que defende que a teoría da selección natural de Charles Darwin ten aplicacións sociais en comunidades humanas. Está baseado na idea da supervivencia do máis apto concibido como mecanismo de evolución social e a crenza de que o concepto darwiniano da selección natural pode ser empregado para o manexo da sociedade humana, insistindo na competición (étnica, nacional, de clase, etc.) por recursos naturais ou diversos postos sociais.
O darwinismo social está baseado en interpretacións sobre os escritos de Darwin, que foron expostas teoricamente por Herbert Spencer nun inicio, e posteriormente usadas para fins políticos, tendo numerosos partidarios. O darwinismo social gozou dunha grande aceptación en círculos académicos e foi unha grande influencia en países imperialistas a finais do século XIX e na primeira metade do século XX.
O paleontólogo Stephen Jay Gould denunciou duramente as bases do darwinismo social, considerando que os seus argumentos, baseados nunha "falsidade científica", conduciron á matanza de millóns de seres humanos e perpetuaron as inxustizas sociais, baseándose na suposta inferioridade innata dalgúns seres humanos.
Os "darwinistas sociais" percibíronse a si mesmos como actores que aplican as bases biolóxicas darwinianas á sociedade.